EXPOSICIÓNS ETNOGRÁFICAS

O Pazo da Pena conta cunha serie de edificacións auxiliares que estiveron adicadas aos oficios ou tarefas tradicionais e comúns do rural galego: a adega, o tear, a carpintaría e a palleira.

Dentro do proxecto de rehabilitación do pazo, leváronse a cabo diversas actuacións encamiñadas a recuperar ditas edificacións que se atopaban nun avanzado estado de deterioración debido ao desuso e abandono dende xa facía moitos anos. Hoxe, expóñense, por áreas temáticas, apeiros e útiles de cada un dos oficios tradicionais que alí se desenvolvían.

Unha achega á tradición rural galega

A PALLEIRA

Moi típica na arquitectura popular galega. Trátase dunha construción en perpiaños de granito duns 250m2. Nela almacenábase herba seca ou palla, así coma ferramentas de labranza.

Aquí atoparás unha gran exposición de antigos apeiros e outros obxectos curiosos e de interese que se atoparon no pazo.

A ADEGA

Fermoso edificio de máis de 200m2, construída en pedra e madeira. A súa porta de entrada presenta o enreixado enxebre das adegas en cor vermella. No seu interior, poderás ollar unha pequena exposición sobre a tradición vitícola da zona e antigos recipientes relacionados coa produción de viño oriúndos da adega do pazo.

Na actualidade, recuperamos a tradición e seguimos a producir viño e licores nela a partir da uva procedente das viñas en forte pendente, moi característico da Ribeira Sacra, tamén orixinarias do pazo, mediante cultivo ecolóxico certificado no Val do Bibei.

A CARPINTARÍA

Antigamente, era habitual que os pazos galegos contaran cunha pequena carpintaría, tanto para o arranxo e mantemento do pazo, como para a fabricación de mobles, algúns dos cales podemos desfrutar no pazo aínda hoxe. Alén da carpintaría, até os nosos días chegaron numerosos utensilios como o banco de carpinteiro, accesorios de suxeición e guías e outras ferramentas empregadas neste nobre oficio que conta con gran tradición na zona.

O TEAR

O tear do pazo empregouse como un pequeno obradoiro téxtil, para a confección de diversos tipos de prendas de roupa, manteis e colchas, entre outros, a partir de materiais como a lá ou o liño. Teares manuais coma este, totalmente rehabilitado, existían en todas as aldeas galegas nos séculos XVII e XVIII. Daquela, os fiadeiros convertíanse, após da xornada laboral, en lugares de algueirada onde se cantaba, bailaba e bebía viño, motivo polo cal o clero rural censuraba as desordes morais que ocasionaban as tradicionais fiadas.

// */?>