Nos Arredores

O Pazo da Pena preséntase como o lugar perfecto para os amantes do rural e da natureza, do sendeirismo e do enoturismo, e por suposto, para os que gozan descubrindo máis restos do legado da prehistoria e da cultura celta, máis obras de enxeñaría romana e medieval, e como non, explorando e coñecendo máis patrimonio relixioso-artístico, como o que agochan e defenden as nosas montañas.

Estación de esquí e montaña turístico-deportiva en funcionamento durante todo o ano, situada no cume máis alto do Macizo Central Ourensán, na Cabeza Grande de Manzaneda con 1778m. Atópase inmersa nun gran piñeiral de máis de 2.000 hectáreas, dotándoa dunha incríbel beleza, especialmente no inverno. Foi unha das primeiras estacións de esquí de España en apostar pola desestacionalización e ofrecer un amplo abano de actividades para gozar da montaña en tódalas épocas do ano.

ACTIVIDADES E INSTALACIÓNS PARA DESFRUTAR EN FAMILIA

  • Deportes de neve
    BTT
    Quads
  • Rocódromo
    Pistas de Tenis
    Pista polideportiva exterior
  • Piscina climatizada
    Sendeirismo
    Tirolina
  • Tiro con arco
    Campo de fútbol herba
    Cafetería e restaurante
  • Circuito termal
    Excursións a cabalo
    Parque multiaventura
  • Circuito de karts
    Pabillón multiusos
    Tenda de moda de montaña

Na capa de TURISMO DETOX do noso Mapa Turístico Virtual atoparás unha completa listaxe coas diferentes actividades coas que conectar dun xeito máis directo coa natureza que nos arrodea: zonas de baño fluvial, paseos, actividades, rotas de sendeirismo e BTT. Todas elas organizadas na lenda en dous lotes: o primeiro lote coas actividades situadas nos arredores do pazo baixo o título de “Actividades Detox Preto”, e outras máis afastadas do pazo co título “Actividades Detox Lonxe”.

ALGUNHAS DAS ACTIVIDADES DETOX MÁIS POPULARES NA ZONA

PRAIA FLUVIAL O CANEIRO (RÍO BIBEI)

PRAIA FLUVIAL DAS HERMIDAS (RÍO BIBEI)

 

PASEO POLA VILA MEDIEVAL DE MANZANEDA

PASEO AO CASTIÑEIRO DE POMBARIÑOS NO SOUTO DE ROZAVALES

PASEO POLOS SEQUEIROS DE PENA FOLENCHE

 

ROTA DOS SOUTOS DE CESURIS

Mergúllate nos prezados e misteriosos soutos de Manzaneda

ROTA DO GLACIAR DE PRADA / AS LAMAS

Visita Prada, encantadora aldeíña abandonada nun antigo glaciar

ROTEIRO DOS CURROS

Aventúrate na Serra de Queixa en busca dos seus enxebres refuxios

 

ROTA AO CANÓN DE BIBEI

Descubre os recunchos esquecidos do paraíso natural do Bibei

ROTA DA VÍA NOVA Polo Navea, Cabalar e o Bibei.

Sigue as pegadas da espectacular enxeñaría civil do Imperio Romano

ROTA DA FRAGA DE SAN XOÁN DE RÍO

Adéntrate na reboleira do Navea, o bosque de Galicia, o dos druídas celtas.

Podería definirse coma un dos segredos mellor gardados da Galicia interior, que ten como elemento aglutinador, o curso fluvial do Miño, do Sil e do Bibei.

Estes importantes ríos, mais os seus afluentes, decorren pola xeografía a través de canóns de maior ou menor verticalidade, deixando ao seu paso unha paisaxe única e unha terra singular, elixida dende antano como lugar de retiro, pois é onde se atopa a maior concentración de construcións relixiosas de estilo románico de Europa.

Ademais, as súas condicións climáticas favoreceron o desenvolvemento dunha importante e senlleira actividade vitivinícola dende a época dos romanos.

RIBEIRA SACRA. VAL DO BIBEI

O río Bibei, no seu último treito antes de despedirse e abocar toda a súa auga no río Sil en Montefurado, agasállanos co Canón do Bibei, un lugar até agora case descoñecido, que lle permite presumir dunha paisaxe virxe e enxebre marcada, como non, pola ancestral viticultura heroica propia de toda a Ribeira Sacra, traballada dende fai 2.000 anos polos romanos.

RIBEIRA SACRA DO SIL. CANÓN DO RÍO SIL

O río Sil, dende Quiroga até a súa foz no río Miño en Os Peares, decorre por uns canóns de orixe tectónica con fortes contrastes nas súas ladeiras, entre grandes penas, vexetación e augas tranquilas. Facer un paseo en barco é un dos mellores xeitos de apreciar os seus desniveis, de máis de 500m nalgúns puntos, e con pendentes de máis de 50 graos, ás veces verticais.

O seu clima presenta tamén importantes variacións, amosando a súa condición mediterránea-húmida nas ladeiras de solaina, axeitadas para o cultivo da vide nos famosos socalcos que chegan até as abas; e a súa condición atlántica-superhúmida, nas partes máis asombrecidas do canón, como nas súas veigas e bosques ribeiríos.

Miradoiros de vértigo
Adegas abertas ao público
Paseos en barco polos canóns
Kayak polo río Sil
Visita aos mosteiros das ribeiras do Sil

Toda esta información, e moita máis, poderás consultala no noso Mapa Turístico Virtual, creado especialmente para os nosos hóspedes.

No mesmo, atoparás todo o que precisas saber para vir a coñecer a nosa comarca e as que nos arrodean, para vivir o enoturismo na Ribeira Sacra e en Valdeorras, e para experimentar o Turismo Detox que tanto andabas a buscar.

Toda a información turística nun só clic.