A Pena Preciosa
A historia desta casa fidalga non se entende sen a fermosa xoia natural sobre a cal se erixiu: A PENA
O Pazo da Pena foi unha casa señorial con orixe no século XVI, construída sobre unha fermosa rocha ou pena xigante, razón pola cal recibiu o seu nome.
Atópase integrado no miolo da aldeíña de Rozavales, pertencente á vila ourensá de Manzaneda, na fermosa Ribeira Sacra do río Bibei, comarca da Terra de Trives.

Liñaxe
A pedra de armas do pazo atópase xusto á dereita do gran portón da fachada, a través do cal se accede ao Patio do Señorito.
Nela preséntanse, moi ben conservados, os brasóns dos catro apelidos do seu fundador: Gaioso, Lousada, Quiroga e Domínguez.

A Arquitectura
A planta do pazo responde ao esquema rectangular con dúas torres nos ángulos, típico da arquitectura pacega.
Todo o edificio se artella arredor de dous patios: o máis grande, coñecido como “Patio do Señorito”, ten ao seu redor os salóns e as dependencias señoriais; mentres que o outro, máis pequeno, pertence á vivenda dos caseiros.


SEGUNDO ANDAR
O segundo e máis alto andar é o de menor extensión. No caso da parte señorial, este andar correspóndese só co cuarto da torre coñecido como A Trasfega. No caso da parte dos caseiros, o andar máis alto correspóndese con oito dos quince cuartos que ten o pazo.
ANDAR PRINCIPAL
O andar principal é o de maior dimensión e acolle as dependencias principais, estendéndose tanto pola parte señorial como pola dos caseiros, comunicadas por unha porta.
ANDAR BAIXO
O andar baixo do edificio ocupa unicamente a zona señorial, e componse de varios espazos de grandes dimensións destinados orixinalmente a servizos, cortes, cabalarías…

Na fronte principal do pazo, pode diferenciarse a simple vista a construción nobre e señorial, en bos perpiaños de granito cunha certa simetría na súa fachada (zona esquerda da imaxe), e á dereita desta, a construción dos caseiros, na cal perpiaños e cachotaría se mesturan, dominando esta última canto máis nos afastamos da construción señorial.
A comezos do século XXI, o pazo foi adquirido en compra-venda nun estado de importante deterioro, emprendéndose unha rehabilitación integral con total respecto á súa singularidade.

O amor polo noso patrimonio cultural e natural, xunto coas ganas de fomentar o coñecemento, a sustentabilidade e a recuperación do rural, quixeron que, despois de tantos anos de decadencia e soidade, a Casa da Pena voltase brillar nas noites de Manzaneda.
Agora só faltas ti para desfrutala.